CARTA ABERTA ÁS/AOS PROFESIONAIS DA ACCIÓN CULTURAL

Fronte ao que se di moitas veces, o certo é que estes días o mundo non parou. Iso si, deu un xiro que nos sitúa ante un escenario de vida moi diferente. E iso o sabedes ben aquelas/es profesionais que vos movedes no espazo das relacións interpersoais, da comunicación e da socialización, nestas datas tann alteradas pero, se cabe, máis precisas.

Sabemos do importante –e non doado– labor que estades a desenvolver para ofrecer unha resposta ante este mundo tan inaudito e cambiante, sempre coa permanente incerteza das coordenadas que o orientarán mañán. Por iso vos enviamos todo o noso apoio e agradecemento, polo esforzo realizado, polo voso compromiso tanto coa mellora das condicións de vida das persoas nun contexto de dificultade coma este, como na definición do que está por vir.


A palabra “crise” en xaponés está composta por dous caracteres. Un indica “perigo”, o outro “oportunidade”, intentando rescatar sempre a visión posibilista das situacións de dificultade. E é que entre as moitas leccións do momento está esa certeza de que cómpre cuestionarse que situamos no centro da vida, repensar os nosos tempos, as fontes de enriquecemento vital, o vínculo co medio, as nosas relacións persoais e o sentir de comunidade, tanto na presencialidade coma no espazo virtual. Sabemos que sodes un axente clave á hora de acompañarnos, como cidadanía, nun cambio non só obrigado polas circunstancias senón conscientemente orientado cara á mellora sociocultural. Con vós medramos, por iso... INFINITAS GRAZAS!


Pola nosa banda, nestes días seguimos traballando na investigación, pescudando nas liñas de traballo definidas, pero tamén abrindo as nosas mentes inquedas a novos retos de coñecemento que pon ante nós o preocupante panorama actual. Afrontalo, será tamén labor da cultura e dos seus axentes activos.


Queremos seguir conectadas/os, con vós e coas vosas realidades, confiando máis que nunca nesas redes que nos fornecen, tanto no plano persoal coma nos desafíos profesionais.

Unha aperta afectuosa, xa que a virtualidade nola permite.




O Equipo do Proxecto Xerf@